Non sei se coñecedes o libro de Agustín Fernández Paz, "Contos por palabras", contén dez relatos moi distintos entre si, pero cunha orixe común: naceron a partir dalgún anuncio por palabras que se atopan nos xornais, apostando pola fantasía e o humor.
Déixovos un deses relatos, a modo de exemplo, para que vos inspiredes e disfrutedes. Despois, tócavos afinar o inxenio.
"O CASO DO ESTRAÑO EMPREGADO"
-...
- Boas noites, don Pedro. Perdoe que o moleste a estas horas, pero é para dicirlle que hoxe pasei todo o día facéndolles as entrevistas ós candidatos que se presentaron para o posto de representante. Mañá a primeira hora heille mandar por mensaxeiro un informe co resumo de todas elas.
-...
- Aínda houbo ben deles. Presentáronse doce. Só hai uns minutos que acabei co último.
-...
- Pois, se quere que llo adiante xa, na miña opinión hai un candidato que merece o posto moi por riba dos outros. Paréceme que encaixa á perfección co que necesitamos.
-...
- Si, xa me alegrei eu tamén. Neste oficio non é nada doado atopar as persoas idóneas.
-...
- É que algún problema si que hai. Por iso o chamaba, para lle consultar.
-...
- Verá, non sei como dicirlle. Pero é que me atopei un pouco estraño mentres falaba co derradeiro candidato.
-...
- Mire, a cousa xa non empezou dun xeito normal. Díxenlle por teléfono que o recibiría ás catro, e el insistiu en que o pasase para o final, para as oito, cando xa vai vencido o día.
-...
- Si. xa sei que iso non ten nada de raro. Mesmo podería ser que tivese agora outro traballo e non quixese faltar unha tarde a el.
-...
- Pero é que logo, xa no despacho, pediume que pechase as persianas, que lle molestaba a pouca luz que entraba. E abofé que debe ser certo que lle molesta, porque estaba pálido, dispensando, como calquera dos nosos clientes.
-...
- Claro que hai de todo entre os nosos clientes, don Pedro! É que non me expliquei ben. Referíame ós pobres finados, ós que ocupan os nosos ataúdes.
-...
- Ai, amable si que era, e máis ben. Notábaselle que vén de boa xente. Mesmo me falou dun conde que houbera na súa familia, ou algo así.
-...
- Non, que va! El dicía que o soldo era cousa secundaria. Que estaba disposto a cobrar algo menos, coa condición de que lle deixasemos pasar a noite no almacén noso. Que seica está afeito a durmir en sitios así.
-...
- E logo por que me pregunta pola roupa, don Pedro? Pois mire, viña todo de negro, agás o forro da capa, que era vermello. Porque lle traía unha capa, sabe, desas tan elegantes que aínda levan algúns deses personaxes que saen nas revistas.
-...
- Siii! Pero, como sabe todo iso, don Pedro? Xusto como vostede di! Tiña dous dentes algo máis longos, que ben se vían cando sorría. Xa me chamaron a min a atención, non vaia pensar.
-...
- Acento estranxeiro? Pois agora que o di... Falaba ben a nosa lingua, pero é verdade que tiña un aquel... Díxome que pasara unha longa tempada en...xa non me lembro ben. Un país deses que andan agora tan revoltos, [...] Chequia ou Romanía... A miña memoria non ten remedio, xa sabe que para isto dos nomnes son un desastre.
-...
- Si, anda polo almacén. Díxome que quería ver os ataúdes que fabricabamos. Eu, por min, a verdade é que xa apalabraba hoxe o emprego con el.
-...
- Non me chame esas cousas, don Pedro! Eu xa sei que moi listo non son, pero tampouco non é para que se poña así comigo.
-...
- Un vampiro!!! E di que atacan pola noite??? Que cravan os dentes na garganta e logo zugan no sangue da víctima??? Por iso miraba tanto para o meu pescozo, que ata me gabou!!!
-...
- Don Pedro! Que se foi a luz! Non vexo nada... Segue vostede aí, don Pedro?... Están abrindoa a porta! Hai unha sombra, agora vexo o vermello da capa!... Don Pe.....!!!!!
-...
- CLICK
Agora tócache a ti!!
PROPOSTA:
- Dos seguintes anuncios por palabras, escolle un deles.
- Fíxate no que di e nas súas características.
- Pensa en posible historias. Escribe un borrador.
- Comeza a túa historia. Procura que sexa coherente, fantasiosa e cómica.
- Revisa a ortografía cando remates.
O alumnado de 6ºD, o tedes que enviar antes do venres
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas pola túa aportación!