En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura.
Na poesía no inicio do século XX non supuxo un cambio no panorama
literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no
Rexurdimento.
O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é Antonio Noriega Varela,
o máis destacado representante dunha xeración de transición: por unha
parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos
predecesores, pero por outra podemos ver nel certos influxos do
modernismo e da literatura portuguesa.
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo.
Pero o poeta máis destacado da época é Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros introducindo elementos renovadores modernistas.
_________________________________________________________________________________
__________________________________________________________________
A literatura galega a finais do século XIX recolle a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social van modificando o panorama literario. A sociedade galega coñeceu nas primeiras décadas do século XX unha actividade sen precedentes dende había moito tempo e a nova literatura será reflexo da nova situación. Os poetas do tempo das Irmandades da Fala (1916) van superando os esquemas da literatura do século pasado e abrindo novos horizontes cun claro interese polos movementos literarios da época.
Asistimos nos primeiros anos do século XX a profundos cambios sociais en Galicia: o derrube definitivo da fidalguía, a consolidación dunha pequena burguesía industrial e sobre todo, o movemento agrario, no que o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e dos sindicatos agrícolas.
Por outra banda, as Irmandades da Fala constituíronse en 1916. Os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte foron dous dos seus líderes. A Nosa Terra, periódico voceiro das irmandades, espalla as ideas deste movemento que podemos resumir en dous grandes obxectivos: autonomía integral para Galicia no camiño dun conxunto de pobos libres da Península Ibérica e que a lingua galega sexa oficial no noso país.
Neste contexto social e político xorden Antón Noriega Varela, Ramón Cabanillas Enríquez, Gonzalo López Abente e Xerardo Álvarez Limeses como os máis xenuínos representantes dos poetas que serven de ponte entre o legado do s. XIX e a literatura galega do século XX, aínda que sen conciencia de grupo xeracional, illados e sen conexión.
A prosa galega acadou por obra dos homes da xeración das Irmandades un desenvolvemento que non tivera ata entón. Hai neste tempo unha abundante prosa didáctica ou propagandística: discursos, conferencias, ensaios, tratados de política..., como medio de expresión da ideoloxía nacionalista.
A este labor desenvolvido polo movemento das Irmandades da Fala sumáronse varios grupos de intelectuais. O grupo ourensán desta xeración, composto por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, deulle á cultura galega unha altura que non tivera ata entón. Con eles a narrativa galega ábrese a horizontes novos, máis universais e, ao mesmo tempo, máis enraizados na nosa cultura.
O Grupo Nós, así chamado polo título da revista que publicaron, son os representantes dunha xeración de "inadaptados" que descubrirían e se achegarían a Galicia despois dun tempo por outras culturas. En estreita relación con este grupo, sitúase a figura inmensa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A actividade editorial adquiriu un impulso sen precedentes. Ademais de A Nosa Terra (que amosaba as ideas das Irmandades da Fala) e a Revista Nós "Revista mensual da cultura galega" (publicouse o seu primeiro número en 1920, en Ourense. O último, o 144, en 1936 en Santiago; non se chegou a distribuír por causa da guerra), a prensa en castelán contaba con frecuentes seccións en galego. A máis importante, a sección "¡Terra a nosa!" do xornal coruñés El Noroeste.
O Grupo Nós supuxo a consolidación e modernización da prosa galega nos seus máis variados rexistros (narrativa curta, novela, ensaio, discurso científico...).
As irmandades da Fala na rúa
Que sabe a xente das Irmandades da Fala?
Vídeos realizados por Illa Bufarda para Ora Galega con motivo da celebración do centenario das Irmandades da Fala.
Información extraída de aula de literatura galega, da web o galego e Galego da estación
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas pola túa aportación!