xoves, 14 de maio de 2020

MUSEO NA CASA

Crea o teu museo online é unha iniciativa da Rede Museística Provincial de Lugo realizada durante o tempo de confinamento debido ao coronavirus COVID-19 e que ofrece como recurso escolar para traballar dun xeito práctico os conceptos de museo e identidade.

Xa que se tiveron que pechar as portas dos museos da Rede Museística, agora abriremos fiestras virtuais aos museos das nosas vidas, para contar e compartir os nosos propios relatos.

Estes días traballaredes na construción dos vosos museos persoais, cos recursos que teñades posibilidade de empregar. Porque tod@s somos museo e xunt@s podemos!

Construiredes o voso propio museo a partir das pezas e relatos que cada un de vós irá xuntando. Aproveitaredes o que tedes a man na casa, o que se ve pola ventá, o que nos contan por teléfono outr@s familiares ou amig@s, o que está resgardado no faiado, o que hai nunha álbume, etc., todo iso que vai relatar o que somos e o que fomos.

Itinerario Crea o teu Museo

Esta será a liña de traballo para elaborar o voso propio Museo persoal. O que a continuación se indica son elementos obrigatorios a incluír, e despois xa cada un decide que obxectos, recordos, lugares, persoas..., formarán parte desa construción do propio ser, da vosa propia personalidade, do que fóstedes, sodes e seredes.

1.- Que é un museo

Compartimos un vídeo no que se mostra un proxecto realizado polo colexio As Gándaras de Lugo en colaboración coa Rede Museística de Lugo. O eixo principal é o museo como relator de historias o que leva aos nenos e ás nenas a contar as súas propias historias e a crear os seus museos. Así pois, trátase da base da que parte esta actividade:



Estes son exemplos de Museos doutros nenos e nenas. Pódenvos servir para coller ideas.
Museo de Daniela          Museo de Maruxa           Museo de Mikel            Museo de COGA

Nestas presentacións vedes as fotos que escolleu cada persoa, aquelo que os representa, que os identifica. Na última, o Museo de COGA, son fotos das vistas que hai desde as súas fiestras.

Primeiro: Escollemos un obxecto que teñamos na casa e que nos represente. Esa vai ser a primeira peza do noso museo. Isto lévanos a reflexionar sobre que é o importante para cada persoa e sobre como as coleccións dos museos son testemuñas humanas.


2.- Profesións do museo

Quen traballa no museo? Que funcións leva a cabo?

  • persoal de recepción é o encargado de recibir @s visitantes e de atender as chamadas telefónicas. 
  • @s guías e @s auxiliares de sala dan información sobre as pezas e fan visitas e actividades didácticas para o público. 
  • Os e as responsables do Departamento de Catalogación son @ s encargad@ s de estudar as obras do museo. 
  • Cando chegan as pezas ao museo, @s investigador@s as estúdanas en profundidade. 
  • @s restaurador@s arranxan as pezas que están en mal estado, e coidan que todas as obras consérvense da mellor forma posible. 
  • Os nosos museos teñen biblioteca. O persoal responsable da mesma encárgase de coidar os libros e de facilitárllelos a todas as persoas que os queiran ler e consultar. 
  • O persoal dos departamentos de Comunicación e Difusión encárgase de compartir co público todas as noticias relacionadas co museo. 
  • @s director@s e xerentes dos museos coordinan e dirixen as tarefas de todas as persoas que traballan neles. 
  • Os e as encargadas de mantemento arranxan todos os danos que se producen no edificio do museo.
  • O persoal de limpeza coida que o museo estea sempre limpo. 
  • Os e as gardas de seguridade vixían de día e de noite que todo estea en orde no museo. 

Realizamos un debuxo que represente o recordo que temos dunha visita a un museo e despois explicámolo facendo fincapé no que sentimos durante esa visita e que foi o que máis nos gustou. Isto axúdanos a comprender que os museos son espazos de memoria.


3.- O retrato da familia

Que é un retrato? Que retratos familiares coñecemos?
Compartimos os das nosas familias e os nosos propios en foto ou debuxados.


4.- Paisaxe

A paisaxe é un tema moi estendido na Arte con variedade de técnicas e motivos, e que nos leva a vencellalo ao sentido de pertenza e de unión ao territorio.

As palabras museo e territorio van ligadas entre si e iso remítenos aos conceptos de patrimonio local, memoria colectiva e identidade local.

Patrimonio local ou territorial é o produto da evolución histórica dese mesmo territorio pero tamén, a imaxe que temos del, a nosa percepción. Non se trata, por tanto, dunha identidade individual senón, máis ben, dunha identidade colectiva polo que os museos deben ter en conta esa suma de diferentes identidades.

Os museos son de tod@s e cada mirada conta.

Inclúe no teu Museo unha paisaxe que forme parte dos teus recordos. Foto ou debuxo ben detallado.

5.- Museo do Mar

O mar como indutor de recordos (ou o río). Tiramos do fío do patrimonio familiar a partir das lembranzas das vacacións e da familia: a física (fotos, recortes, libros), a sensorial e a inmaterial (os relatos familiares).

Unha imaxe que lembre momentos agradables en contacto co ambiente acuático: mar ou río.


PROPOSTA DE TRABALLO
Despois de visualizar o vídeo e as presentacións, de ler o contido desta entrada, explicamos o que tedes que facer para que quede entendido:
  1. Crear un museo persoal.
  2. Pódese presentar de diversas maneiras, xa vístedes:
    • Presentación dixital: power point ou similar.
    • Maqueta.
    • Lapbook.
    • Grabación dun vídeo.
    • Mural.
  3. Nesta tarefa deben aparecer imaxes (fotos, debuxos), descrición desas imaxes (que é o que se ve ou representa), breves relatos explicando cada imaxe: que recordo supón, con quen estades, porque a escolléstedes, que sentides agora e que sentístedes ese día (mínimo 5 páxinas, fotos, debuxos...).
  4. Cando esté rematado, enviádeslla ao voso/a titor/a. Se fose unha presentación dixital ou vídeo o incluides nun correo electrónico, se fose unha presentación material, enviades fotos dela.
Data de entrega: antes do 21 de maio

É un traballo laborioso, tedes que buscar información e material. Facédeo a conciencia.

Gardade o traballo se o fixéstedes en cartolina ou lapbook ou calquera montaxe material, en canto poidamos pedirémosvos que a levedes polo cole.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas pola túa aportación!